Tuesday 14 de May de 2024

FEIJÓO DEFINE O NOVO MUSEO MUNDO ESTRELLA GALICIA COMO UNHA EVIDENCIA DO NIVEL EMPRESARIAL AO QUE ESTÁ A CHEGAR A NOSA TERRA A TRAVÉS DO TRABALLO E A SUPERACIÓN


Subliña que, ademais de ser o sitio onde coñecer a historia da familia Rivera, nel pode coñecerse a auga de Cecebre, o lúpulo que crece nas Mariñas, os diferentes tipos de malta de cebada, e o lévedo que se importa de desde Alemaña

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, definiu hoxe o novo Museo Estrella Galicia (MEGA) como unha evidencia do nivel empresarial ao que está a chegar a nosa terra a través do traballo e a superación.

Durante a inauguración do museo, Feijóo aseverou que, ademais de ser o sitio onde coñecer a historia da familia Rivera, nel pode coñecerse a auga de Cecebre, o lúpulo que crece nas Mariñas, os diferentes tipos de malta de cebada, e o lévedo que se importa de desde Alemaña. Ademais da antiga sala de caldeiras de cocción, das etiquetas, as latas, a publicidade e os patrocinios.

“Estamos a falar, en definitiva, de máis de 2.500 metros cadrados en catro plantas, nas que se respira historia da nosa terra”, abundou, facendo fincapé en que, neste museo se recollen os mellores recordos da cervexeira e tamén de Galicia.

O titular do Goberno galego concluíu trasladando os parabéns a todo o equipo de Estrella Galicia, pola súa labor, pola ambición de seguir sendo os mellores e por ver á Comunidade como un lugar apto para investir de todas as formas posibles. Ao respecto, recordou tamén a reserva de 500.000 m2 solo empresarial por parte da compañía no polígono de Morás, en Arteixo.